SanidadeÚltima hora

152.300 euros para reformar o Centro de Saúde de Castro Caldelas

A obra consistirá na substitución integral da cuberta do edificio, o que permitirá rematar coas filtracións e humidades

 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para a reforma do centro de saúde e PAC do municipio. O orzamento das obras ascende a 202.300 euros. “Debido ao elevado importe da reforma, neste convenio non se aplica a regra de cofinanciamento ao 50% que adoita rexer os acordos para reformas en centros de saúde de titularidad municipal. Polo tanto, o Sergas aportará 152.300 euros (o 75%), mentres que os restantes 50.000 euros correrán a cargo do Concello”, segundo informa Sanidade.

A cuberta do actual centro de saúde e PAC de Castro Caldelas atópase en mal estado, debido fundamentalmente aos importantes vicios construtivos no momento da súa execución. As obras de reforma consistirán, en primeiro lugar, no levantado de toda a cubrición existente de chapa metálica e vidro nas partes acristaladas, así como no levantado de canles e baixantes existentes. Despois virá a revisión do estado no que se atopa a estrutura portante da cuberta e a súa reparación no caso de que fose necesario.

A continuación terá lugar o replanteo de pendentes e colocación de canles, garantindo a súa correcta evacuación cara ás baixantes existentes, ou a proposta de novos puntos de evacuación de auga. Por último, recolocarase a nova cubrición de chapa metálica de dobre capa con illamento intermedio, coa oportuna execución de remates, axustes, pezas especiais e posta en servizo.

Con este convenio para o cofinanciamento das obras de reforma do Centro de Saúde de Castro Caldelas, son xa 14 os convenios asinados neste ano 2021 con este mesmo obxectivo, tralas respectivas sinaturas cos concellos de Rairiz de Veiga, O Bolo, Palas de Rei, Fornelos de Montes, Campo Lameiro, Valdoviño, Amoeiro, Rodeiro, Beariz, Vilardevós, Baltar, Maside e Friol, para renovar centros de saúde por un importe total de 937.109.000 euros.

Artigos relacionados

Back to top button