OurenseÚltima hora

17 establecementos da provincia de Ourense, no “Outono Gastronómico” no Turismo Rural

Os prezos dos distintos paquetes desta campaña oscilan entre os 35 e os 340 euros

 

 

Promover a singular gastronomía galega en combinación coas agradables estadías nas casas de turismo rural da nosa comunidade con modalidades e prezos moi atractivos. Ese é o obxectivo da nova campaña “Outono Gastronómico” no Turismo Rural, que se presentaba está mañá en Ourense o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, acompañado do xefe de área de Turismo, Cecilio Santalices.

Nesta 17ª edición, son 17 os establecementos da provincia de Ourense que participan nesta iniciativa consolidada dende o 15 de setembro ata o 17 de decembro co gallo, segundo Gabriel Alén, “de dinamizar o turismo no eido rural e favorecer a desestacionalización neste período”. A oferta do Outono Gastronómico “convértese nunha excelente oportunidade para atraer turistas de fóra, pero tamén para que os propios galegos poidan descubrir e gozar da paisaxe, da gastronomía e da calidade dos establecementos rurais de comarcas que aínda non coñezan”, sinalaba o delegado da Xunta.

Así, lembrou as máis de 85.000 persoas que participaron ao longo das edicións anteriores e que xeraron no sector turístico rural máis de 5,3 millóns de euros coas súas estadías nos establecementos de turismo rural adheridos ao programa en toda Galicia.

 

 

O delegado territorial destacou que os establecementos participantes ofrecerán dous menús coidados e baseados na calidade dos produtos galegos, deseñados especificamente para o Outono Gastronómico. Aquí teñen cabida tanto a cociña tradicional como a nova cociña con denominación de orixe galega; ámbalas dúas comprometidas coa redución da pegada de carbono, artesanais e de temporada.

Ademais do Menú Outono Gastronómico, co fin de adaptarse aos gustos e ás necesidades dos diferentes tipos de viaxeiros, propóñense outras posibilidades como o Paquete Outono Gastronómico que permite degustar o menú e pernoctar na casa de Turismo Rural elixida; o Paquete Fin de semana Outono Gastronómico que inclúe dous menús por persoa, máis o aloxamento de dúas noites e, por último, o Paquete Fin de semana familiar Outono Gastronómico, dirixido a aqueles viaxeiros que quixeran compartir coa familia unha fin de semana dentro deste programa turístico e que inclúe ofertas para un e dous nenos de ata 14 anos, ou o Paquete Outono Plus. Os prezos oscilan entre os 35 e os 340 euros.

Os interesados nesta iniciativa poden atopar completa información nas guías promocionais dispoñibles nas oficinas de turismo e tamén na páxina web de Turismo de Galicia, www.turismo.gal.

Artigos relacionados

Back to top button