ConcellosPetínÚltima hora

17 mulleres de Petín protagonizan o documental creado por Domingo Díaz que se proxectará o 5 de marzo

Trátase dunha homenaxe do Concello para conmemorar o Día Internacional da Muller

 

O 8 de marzo celébrase o Día Internacional da Muller, unha cada moi presente no calendario de conmemoracións do Concello de Petín, que para este ano ten preparada unha actividade moi especial que levará a cabo uns días antes, o sábado 5 de marzo.

Ese día, a partir das 17 horas proxectarase na Casa da Cultura (Teleclub) o documental ‘Os traballos das mulleres. Petín 1920-2021’, unha peza audiovisual creada polo petinés Domingo Díaz (Social Docs) que reúne as vivencias ao longo das últimas décadas de 17 mulleres. “Trátase dunha homenaxe ás mulleres de Petín de diferentes ámbitos (autónomas, escritoras, amas de casa, xubiladas,…) e idades, nacidas aquí ou que levan en Petín boa parte da súa vida”, explica a alcaldesa Raquel Bautista, puntualizando que a maior da mulleres que aparecen no documental é Inés que vai cumprir 102 anos.

A propia alcaldesa adianta que estas mulleres contan como foi evolucionando o seu papel ao longo dos anos. Moitas décadas e moitas vivencias, e o que nun principio ía ser unha curta acabouse extendendo dando lugar ao documental que poderá verse o día 5, e tamén a un libro que será presentado ese mesmo día.

O acto contará con representación do Concello e tamén da produtora así como das mulleres protagonistas da peza, familiares, amigos “e todo aquel que queira pero iso si, pedimos que confirmen asistencia chamando ao 988 310 223 porque o aforo aínda segue sendo limitado”, conclúe Raquel Bautista.

 

Artigos relacionados

Back to top button