EconomíaEconomíaEn portadaÚltima hora

18 establecementos hostaleiros, do Barco, Vilamartín e Sobradelo, participan nas Xornadas gastronómicas do botelo e cocido valdeorrés

Esta segunda edición celebrarase nas fins de semana do 21 de xaneiro ao 19 de febreiro

Presentación das II Xornadas gastronómicas de botelo e cocido valdeorrés.

 

En xaneiro de 2022, ante a imposibilidade de celebrar a Festa do Botelo no pavillón, o Concello do Barco poñía en marcha as Xornadas gastronómicas do botelo e cocido valdeorrés, cunha boa aceptación tanto por parte dos restaurantes como dos comensais, polo que “este ano presentamos a segunda edición satisfeito co resultado do ano pasado, onde os restaurantes quedaron moi contentos, de feito todos repiten e incluso hai algún máis”.

Así o aseguraba o concelleiro de Turismo, Comercio, Consumo e Promoción Económica do Barco, Eladio Santos, na presentación da segunda edición das xornadas que celebrarán do 21 de xaneiro, Día do Botelo, ata o 19 de febreiro, despois do Entroido, “co cal temos cuberto dende Nadal ata o Entroido con tres citas enogastronómicas importantes no concello do Barco: a Ruta dos pinchos, a Festa do Botelo e as Xornadas gastronómicas do botelo e cocido valdeorrés”, dixo, asegurando que polos cálculos que fixeron “en torno ás 2.200 persoas estarán comendo botelo o 21 de xaneiro”.

 

O concelleiro de Turismo e Comercio Eladio Santos, na presentación.

 

Con respecto aos establecementos hostaleiros participantes, nesta ocasión son 18 os que servirán botelo no menú durante esas fins de semana. A maioría son do Barco (Agarimo, Alpha Raíces, Asador de Viloira, Casa Galaica, Casa Lameiro, El Dorado, Fernando III, Las Recetas de la Abuela, Mesón do Lar, Mesón Isla, Paradelo, Pazo do Castro, Piquiño, Principal e San Mauro), pero tamén hai dous de Vilamartín (Calzada e Paladium) e un de Sobradelo (Mesón Museo). “Queda algún que esperamos que se sume en futuras edicións”, dixo a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, presente tamén na presentación, engadindo que “esta é unha forma de agrandar e alongar no tempo a Festa do Botelo, seguindo a inercia doutros concellos como de Lalín e o seu mes de cocido”.

 

 

Margarida tamén adiantou que están xa traballando nas festas da Coruña e Vigo, en datas similares ás anteiores edicións.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button