EconomíaEconomíaEn portadaÚltima hora

24 expositores de Galicia e Portugal asistirán ao salón de produtos tradicionais, no Barco

Celebrarase os días 2 e 3 de setembro na Praia Fluvial do Malecón

Anterior edición da feira no Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Co obxectivo de promocionar aos pequenos produtores do rural galego e do norte de Portugal que elaboran produtos tradicionais de alta calidade, xurde a Feira de Produtos Tradicionais do Eixo Atlántico (organizada polo Concello do Barco coa colaboración do Eixo) que celebrará a edición 2023 na Praia Fluvial do Malecón, no Barco de Valdeorras, na fin de semana do 2 e 3 de setembro, con 20 casetas nas que exporán e venderán os seus produtos 24 expositores procedentes das Terras de Tras-os-montes, Viana do Castelo e Vilaflor (en Portugal); e de Valdeorras, A Coruña, Lugo e Terras de Trives (en Galicia).

Entre a oferta presente na feira haberá queixo, mel, aceite, licores e embutidos de Galicia, de alta calidade e elaborados de forma tradicional en municipios do noroeste peninsular ubicados principalmente no rural. Entre os produtos dispoñibles na Feira haberá tamén postres típicos portugueses como os bolos, a torta de Viana ou os pasteis de nata. Na zona de degustación, os visitantes serán a oportunidade de probar diferentes produtos, entre eles o caldo verde, o sandes de polo e porco e as moelas, pratos típicos pratos portugueses.

 

 

Durante os días de celebración da Feira, que abrirá en horario de mañá (de 11 a 14 horas) e tarde (de 17 a 21 horas), celebraranse diferentes actividades musicais e lúdicas. Así, tanto o sábado coma o domingo haberá obradoiros, un de ensamblaxe de mini carros de madeira a cargo de  “Artesanía Enxebre”; e outro de torno de barro cos artesáns de “Ceniza de Papel”, ambas amparadas en Artesanía de Galicia. Os interesados en participar nos obradoiros deberán anotarse nas casetas dos artesáns.

Ademais, ás 20 horas do sábado 2 de setembro, a enóloga Cecilia Fernández dirixirá unha cata maridada con degustación de produtos do Eixo Atlántico. O prezo será de 5 euros por persoa, o aforo será limitado, e os interesados poderán anotarse previamente no mail infoturismo@concellodobarco.org, e tamén na propia feira.

No apartado musical está prevista actuación no recinto do grupo Iker Piris & His Dual Electras, o domingo ás 13 horas.

Artigos relacionados

Back to top button