A Feira de Produtos Tradicionais do Eixo Atlántico, Galicia e Norte de Portugal -a segunda que se fai en Galicia-, reunirá esta fin de semana (11 e 12 de setembro) no Barco de Valdeorras, a un total de 24 produtores de ambos territorios cun programa de actividades deseñado para promocionar e vender produtos tradicionais galegos e portugueses. A presentación desta iniciativa tiña lugar esta mañá no Inorde, nun acto no que participaba a xerente do Inorde, Emma González; o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao; o alcalde e o concelleiro de Turismo e Promoción Económica do municipio do Barco de Valdeorras, Alfredo García e Eladio Santos, respectivamente.
Esta iniciativa é “o escaparate perfecto para que os nosos produtores poidan promocionar e achegar a numerosos visitantes o seu traballo”, dixo a xerente do Inorde, agradecendo o traballo que realiza o Eixo Atlántico con estas actividades que “supoñen un pulo importante para dinamizar económica e socialmente os nosos territorios”.
Pola súa banda, Xoán Vázquez Mao destacou o “afortunada” que foi a entrada da Deputación de Ourense no Eixo Atlántico porque “nos permite traballar conxuntamente no reforzo dos territorios do interior” e explicou que unha das liñas de traballo máis importantes do Eixo é a comercialización e o apoio aos produtores, polo que fan dúas feiras anuais: unha sempre con sede permanente no Barco e outra que rota polas nosas cidades (este ano foi en Lugo). Esta Feira, que comeza mañá sábado no Barco, “ofrece aos visitantes a oportunidade de adquirir produtos de Galicia e Portugal que non poden comprar en ningunha gran superficie”, sinalou o secretario xeral do Eixo Atlántico, destacando o traballo que realiza esta entidade para fixar poboación no interior e combater a crise demográfica.
Os produtores de Galicia e do norte de Portugal que participarán na mostra, ofrecerán “unha gran variedade de produtos como viños, conservas, mel, bicas, aceite, queixos, licores e embutidos”, dixo o alcalde do Barco, animando á veciñanza ourensá a achegarse ao municipio esta fin de semana “para coñecer estes produtos elaborados artesanalmente por produtores que demostran que o futuro de Galicia pasa por aproveitar as bondades que nos ofrece o territorio, volvendo non só a vivir ao rural, senón tamén a vivir del”, dixo.
O acto de apertura da feira terá lugar mañá sábado, 11 de setembro, ás 11 horas, na praia fluvial barquense e contará coa presenza das autoridades locais do municipio do Barco. O horario de apertura do recinto é de 11 a 14 e de 17 a 21 horas.
Actividades complementarias
Como actividades complementarias á propia Feira, programáronse dúas sesións de “Catas no Sil” con viños de Valdeorras e maridaxe con produtos tradicionais do Eixo Atlántico. Para participar nas catas é preciso inscribirse previamente, sendo o aforo máximo en cada unha delas de 20 persoas. O sábado ás 20.00 horas, a sumiller Mercedes González dirixirá a cata bautizada “Crepúsculo”, mentres que, o domingo ás 12.30 horas, celebrarse baixo o título “Unha ronda caprichosa”. As inscricións realizaranse a través do correo: infoturismo@concellodobarco.org, e o prezo da cata é de 5 euros por persoa que serán abonados na entrada da actividade.
Durante os dous días de celebración da feira levarase a cabo un obradoiro gratuíto de pirograbado en madeira. A actividade terá lugar o sábado e o domingo, de 11 a 14 horas e de 17 a 20 horas. O obradoiro é gratuíto para o público infantil e adulto e será impartido polos artesáns locais de Artesanía Enxebre. Os nenos e nenas deberán estar acompañados dun adulto e deberán inscribirse previamente no correo infoturismo@concellodobarco.org para facer a reserva de praza. Os horarios que queden repartiranse durante o desenvolvemento da propia feira.
Así mesmo, nas últimas horas do 11 e o 12 de setembro, de 20 a 21 horas, farase unha demostración do oficio para que os visitantes vexan en directo como se realizan as pezas pirograbadas, mentres visitan a feira.