OurenseÚltima hora

255.523 electores poderán votar na provincia de Ourense nas municipais, para as que xa é posible pedir o voto por correo

O censo electoral para os comicios do 28 de maio poderá consultarse nos concellos do 10 ao 17 de abril

 

Un total de 255.523 persoas (252.890 españolas e 2.633 estranxeiras) poderán exercer o seu dereito ao voto na provincia de Ourense nas vindeiras eleccións municipais do 28 de maio, segundo os datos que vén de facer públicos o Instituto Nacional de Estatística. No caso da provincia de Lugo serán 270.272 (269.099 españolas e 1.173 estranxeiras) os electores chamados ás urnas nas locais.

As tarxetas censais enviaranse a partir do 1 de maio. Nelas informarase da mesa e o local electoral onde debe votar o elector. O censo electoral de residentes en España poderase consultar do 10 ao 17 de abril nos concellos.

Os electores que decidan votar por correo poden solicitar ata o día 18 de maio (inclusive) o Certificado da súa inscrición no Censo Electoral correspondente. A obtención deste certificado é requisito imprescindible para poder emitir o voto por correspondencia e pode solicitarse, por vía telemática a través da web www.correos.es ou presencialmente en calquera oficina de Correos de España.

Solicitude de voto por correo telemática

Os electores poden solicitar o seu voto a través da web de Correos (www.correos.es), sen ter que acudir en persoa a unha oficina postal. Neste modelo de solicitude, que evita desprazamentos, o interesado debe acreditar a súa personalidade mediante firma electrónica e aceptándose como sistemas de identificación válidos os certificados de persoa física recoñecidos polo Ministerio de Industria e o DNI electrónico (DNI-e), tal e como se informa dende Correos.

Solicitude de voto en oficinas

A solicitude de voto por correo pode realizarse en todas as oficinas de Correos de España. Esta petición debe ser realizada persoalmente por cada elector, salvo en caso de enfermidade ou discapacidade –acreditada mediante certificación médica oficial- que lle impida a formulación persoal da devandita petición. Neste caso pode ser presentada en nome do elector por outra persoa autorizada notarialmente ou consularmente.

No momento de formular a solicitude, os interesados deben acreditar a súa personalidade presentando ante o empregado da oficina postal o DNI, pasaporte ou carné de conducir orixinais. Co obxectivo de axilizar os trámites e evitar esperas, a compañía ofrece a opción de cita previa para a solicitude do voto en oficinas, a través da app, a web de Correos ou a Oficina Virtual. Para iso o elector tan só debe seleccionar a oficina dispoñible que teña cita previa e, por último, elixir o día e a hora que máis lle conveñan.

Correos entregará as solicitudes recibidas nas Delegacións Provinciais da Oficina do Censo Electoral, quen enviará aos solicitantes, a partir do 8 de maio, a documentación necesaria para que poidan exercer o voto por correo.

O prazo de depósito do voto por correo finalizará o 24 de maio de 2023.

Artigos relacionados

Back to top button