DeportesÚltima hora

27º Madrugón: un chapuzón festivo para abrir o Día do Cristo, no Barco de Valdeorras

A cita lúdico-deportiva será mañá, 14 de setembro, ás 8 da mañá nas augas do río Sil

Participantes na pasada edición do Madrugón, na Capitana. /Foto: Carlos G. Hervella.

 

Cos albores do día, preto das oito da mañá do 14 de setembro, antes das primeiras luces da xornada festiva, un grupo de persoas de diferentes idades, homes, mulleres e nenos, vanse achegando ata A Capitana, a carón do río Sil no Barco de Valdeorras. Son os intrépidos e animados participantes no Madrugón, unha cita, a medio camiño entre a diversión, a valentía e o deporte, ineludible e tradicional, que marca o comezo do Día do Cristo dende hai case trinta anos.

O día chegou e mañá, un ano máis, os participantes reuniranse en torno ás oito menos dez da mañá no punto de saída para comezar a carreira que os levará río abaixo, por uns 400 metros de distancia ata a praia fluvial no Malecón onde, os familiares e amigos que teñan a ben acompañalos, esperarán coas toallas e a roupa preparada. Porque se hai algo que caracterice esta proba, é a valentía que ano tras ano demostran os participantes. Xa non se trata unicamente de madrugar senón de soportar as baixas temperaturas da mañá e sobre todo do río que a mediados do mes de setembro son pouco menos que xélidas, antes da saída do sol.

 

Final da proba o ano pasado. /Foto: Carlos G. Hervella.

 

E tralo chapuzón, coma sempre o premio máis gratificante será un bo chocolate con churros no Cafetín, despois da entrega dos premios. Haberá trofeos ao primeiro nadador e nadadora, tamén haberá premios para os primeiros menores de 15 anos (nena e neno); para o traxe de baño máis orixinal (masculino e feminino); un xamón para o conxunto con traxes de baño máis orixinais; outro para a familia que máis membros presente; e outro para o club que presente mais deportistas. Igual que o ano pasado, todos os participantes levarán unha toalla conmemorativa como recordo desta edición.

Artigos relacionados

Back to top button