SanidadeÚltima hora

3.700 persoas serán convocadas a un cribado en Verín e A Merca esta semana

A incidencia acumulada en ambos concellos multiplica a media da Área Sanitaria cun aumento gradual de casos nos últimos días

 

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras convocará esta semana a 3.700 veciños e veciñas dos concellos de Verín e A Merca a un cribado poboacional, selectivo e aleatorio, entre persoas dos 16 e aos 74 anos, co obxectivo de detectar casos positivos asintomáticos entre a súa poboación e limitar a transmisión.

Ambos concellos coinciden nun gradual incremento dos casos activos, cun índice acumulado a sete días similar -157 na Merca e 117 en Verín- moi superior á media da Área Sanitaria de Ourense, con 43 casos (por cen mil habitantes) a sete días e 80 a 14 días. Actúase así preventivamente, para limitar os contaxios e afondar no coñecemento da súa situación epidemiolóxica, a día de hoxe con 4 casos de Covid-19 en A Merca e 23 en Verín.

O primeiro cribado será este xoves, día 29 de abril, no Pavillón Municipal de A Merca, onde están convocados, desde as 15.00 horas, 700 persoas para realizarse unha PCR. O sábado, día 1 de maio, pola mañá serán 3.000 os citados e citadas en Verín para acudir á Lonxa Agropecuaria e contribuir a cortar a transmisión, coa súa colaboración a participar na mostraxe, tamén vía PCR.

A importancia de colaborar

As persoas seleccionadas serán convocadas, como é habitual, por medio dunha mensaxe de SMS, na que se lles indica a hora e o lugar da mostraxe. Neste senso, lémbrase novamente a importancia de manter os datos de contacto actualizados, ademais de comprobar estar dado de alta no sistema de mensaxería telefónica do Sergas. Igualmente, prégase dar apoio aos achegados de maior idade, ou dificultades coas novas tecnoloxías, para comprobar se reciben o SMS de invitación.

Ademais de por esta vía, pode comprobarse a convocatoria ao cribado na seccion de cita previa de atención primaria, entrando neste apartado da páxina do Sergas, no que aparecerá a cita de estar seleccionado.

Coma sempre, a proba será voluntaria, non si, hai que lembrar a todos e todas as convocadas a importancia da súa participación, xa que, de estar contaxiado sen síntomas, ou cando estes pasan inadvertidos, podese estar contribuindo a extensión dos contaxios co risco de afectar gravemente a saúde das persoas que nos rodean, asi como a retrasar a recuperación da normalidade do conxunto do noso concello ou bisbarra.

Por elo, anímase a todos e todas as convocadas a participar respectando as instrucións, en canto a horarios e medidas de protección e, por suposto, non acudir en caso de non estar citados; estar en illamento por un diagnóstico positivo ou estar en corentena por ser contacto estreito dun positivo.

Igualmente, estas mostraxes non se deben confundir coas indicadas aos contactos directos ou estreitos dos pacientes positivos a COVID-19, que continúan a realizárse por outra vía. Neste caso, trátase de facer probas a persoas sanas e sen síntomas, precisamente para obter unha imaxe da evolución epidemiolóxica, nun tempo e espazo determinado.

Artigos relacionados

Back to top button