DeportesEn portadaÚltima horaVídeos

30 parellas de diferentes partes de Galicia e Asturias, no XXIII Campionato de Bolos de Punxeiro (Viana)

 

Como cada mes de agosto dende hai máis de vinte anos, a localidade vianesa de Punxeiro celebra na xornada deste sábado día 19, o seu campionato de bolos por parellas. Unha tradición popular galega posta en valor por Luis Herrera, promotor do torneo de bolos falecido hai uns anos, cuxa memoria honran en cada edición dende o Club de Bolos Punxeiro.

 

Igual que o ano pasado, nesta XXIII edición son 30 as parellas que compiten nos tres campos de bolos cos que conta o pobo, de diferentes idades e procedentes de clubs de Camos, Gondomar e Baiona (Pontevedra), Puente de Domingo Flórez (León), Froxais, Quintela de Edroso, Buxán e Celavente, ademais dos anfitrións do Club de Bolos Punxeiro, todos na provincia de Ourense. Este ano ano ademais contaban de novo con dúas parellas da Asociación Bolo Vaqueiro de Cangas del Narcea (Asturias) despois de catro anos sen asistir e que conta con novo presidente.

Coma sempre, pola mañá disputaban as rondas clasificatorias e xa pola tarde a competición propiamente dita coas parellas distribuídas segundo a puntuación na ronda previa, nos campos A, B e C.

 

 

E entre unha e outra fase, degustaban o tradicional xantar no interior do local social ao que asistían preto de cen persoas e no que incluso se celebraba un aniversario. Algunhas quedarán tamén á cea despois da entrega de premios (xamóns, paletas e chourizos).

 

 

Coma sempre entre os asistentes estaba o presidente da Federación Galega de Bolos e vicepresidente da española, Isidro Costas, firme defensor do bolo tradicional.

 

 

 

Máis información na vindeira edición de O Sil Deportivo.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button