SanidadeÚltima hora

360.000 euros para unha nova unidade móbil de doazón de sangue para Ourense

 

A Xunta de Galicia vén de anunciar, no perfil do contratante da Consellería de Sanidade, a licitación dunha unidade móbil de extracción de sangue para a Axencia Galega de Órganos e Sangue (ADOS), por un importe de 359.999 euros, e que será destinada á área de Ourense.

Cada día son necesarias entre 400 e 500 doazóns de sangue para cubrir adecuadamente as necesidades de compoñentes sanguíneos dos nosos centros sanitarios.

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue vén de presentar recentemente os datos referidos ao balance de 2021. Ao respecto, as doazóns acadadas no pasado ano supuxeron unha taxa de 39 doazóns por cada mil habitantes e ano, cifra que posicionou á nosa Comunidade Autónoma no terceiro posto do ránking nacional. Estas cifras significan 1.650 doazóns máis con respecto ao ano 2020, un incremento significativo tendo en conta que o 2021 continuou marcado pola pandemia.

Dende ADOS quérese agradecer a todas e todos os doadores o seu compromiso nestas circunstancias tan especiais, que ten permitido aumentar o número de doazóns, así como acadar 6.887 novos doadores, un 9% do total, que se incorporaron á base de doantes de Galicia que, na actualidade, supera os 425.000.

Artigos relacionados

Back to top button