ConcellosÚltima hora

40 concellos ourensáns reciben un desfibrilador externo semiautomático

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e a directora da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Adriana Regueira, participaron no acto de cesión das dotacións

 

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe xunto á directora da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Adriana Regueira, na entrega de máis dun cento de desfibriladores externos semiautomáticos destinados a reforzar o material dos servizos de emerxencias municipais. Con esta cesión complétanse as dotacións enmarcadas na convocatoria de axudas de 2022 dirixida a concellos de menos de 50.000 habitantes que conten con Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC). Ao acto tamén acudiu o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), Marcos Araújo.

Do cento de entidades locais beneficiarias, a meirande parte están na provincia de Ourense, con 40. Trátase de Allariz, Amoeiro, Avión, Barbadás, Beariz, Os Blancos, Calvos de Randín, O Carballiño, Cartelle, Castrelo de Miño, Entrimo, Esgos, A Gudiña, Larouco, Laza, Maceda, Mancomunidade Terra de Celanova, Maside, Melón, Muíños, Paderne de Allariz, Parada de Sil, O Pereiro de Aguiar, Petín, A Pobra de Trives, Porqueira, Ribadavia, A Rúa, San Cristovo de Cea, San Xoán de Río, Toén, A Veiga, Verín, Vilamartín de Valdeorras, Vilar de Barrio, Vilardevós, Vilariño de Conso, Xinzo de Limia, Xunqueira de Ambía e Xunqueira de Espadanedo.

Outros 33 desfibriladores foron para concellos da Coruña, con Abegondo, Ames, Bergondo, Betanzos, Boiro, Cabanas, Cambre, Carballo, Carnota, Carral, Cedeira, Cee, Corcubión, Coristanco, Culleredo, Dumbría, Fene, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Miño, Mugardos, Muxía, Narón, Noia, Oleiros, Padrón, Ponteceso, Ribeira, Santa Comba, Trazo, Val do Dubra, Vilasantar e Zas.

Pola súa banda, Lugo recibe 18 desfibriladores para os municipios de Chantada, Folgoso do Courel, Lourenzá, Meira, Monforte de Lemos, Negueira de Muñiz, Ourol, Palas de Rei, Pol, A Pontenova, Portomarín, Ribadeo, Ribeira de Piquín, O Saviñao, Taboada, O Valadouro, O Vicedo e Viveiro. Completan a listaxe as 14 localidades pontevedresas Agolada, Cangas, Cerdedo-Cotobade, Lalín, Meis, Mondariz, Ponteareas, O Porriño, Redondela, O Rosal, Salceda de Caselas, Tomiño, Tui e Vilagarcía de Arousa.

O equipamento entregado inclúe un desfibrilador externo cun mínimo de dous xogos de parches de electrodos, un xogo de dúas baterías, cable de conexión a porto USB, kit de reanimación cardio-pulmonar e mochila impermeable. O custo dos 105 DESA ascende a máis de 166.600 euros.

O DESA é un aparato electrónico portátil sinxelo de manexar que identifica e trata a parada respiratoria. A súa efectividade radica na identificación automática da fibrilación ventricular ou a unha taquicardia ventricular sen pulso restablecendo un ritmo cardíaco efectivo eléctricamente. É moi eficaz para a maior parte dos chamados paros cardíacos, que na súa maior parte son debidos a que o corazón fibrila e o seu ritmo non é o adecuado, estes equipos basicamente devolven o ritmo adecuado ao corazón.

A Xunta dota así ás AVPC dun recurso para actuar dunha maneira coordinada cos profesionais do 061, conseguindo gañar tempo na atención ante unha parada cardíaca, ao intentar que o paciente aguante á chegada dos servizos profesionais.

Segundo sinalou Santiago Villanueva, este material súmase aos 8 vehículos todocamiño, 8 remolques para a atención das emerxencias, 8 coitelas para a retirada de neve, 20 esparexedores de sal, 11 embarcacións pneumáticas e 30 tendas campaña que se foron entregando desde comezos de ano a 122 concellos galegos e á Mancomunidade Terra de Celanova no marco da liña de 2022 para mellorar o equipamento das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil. A través dela, o Goberno galego investiu preto dun 1M€ na adquisición de equipamentos

Artigos relacionados

Back to top button