OurenseÚltima hora

50 anos, 50 filmes: o Cineclube Padre Feijoo celebra o seu aniversario por todo o alto

O programa inclúe, ademais das proxeccións, un encontro no que participarán integrantes históricos da asociación e representantes doutros cineclubs de Galicia

Cartel do Encontro de Cineclubs.

 

O Cineclube Padre Feijoo, de Ourense, celebra este ano o seu 50 aniversario cunha programación especial que inclúe, esta fin de semana, un encontro no que participarán integrantes históricos da asociación e representantes doutros cineclubes de Galicia, así como a proxección de 50 filmes (un por cada ano) entre o 22 de setembro e o 22 de decembro.

Tal como explican dende o Padre Feijoo, a idea inicial era convidar os cineclubs de España e Portugal, pero “as circunstancias e a prudencia aconsellan unha celebración máis austera”. Así, as actividades darán comezo o venres 19 coa proxección de Nueve cartas a Berta, de Basilio Martín Patino, película coa que se iniciou a aventura do Cineclube Padre Feijóo a principios do curso 1970-71, como actividade cultural dentro da Escola de Maxisterio da que toma o seu nome.

O sábado 19 celebrarase o encontro no que se homenaxeará os integrantes das directivas ao longo da súa historia, e no que tamén estarán presentes representantes dos cineclubes de Galicia, asociados baixo a Feciga. José Paz, Segismundo Bobillo, David Cortón, Maribel Outeiriño, Alfonso Sánchez Izquierdo, Xosé Lois Carrión, María Teresa Ansias, Pura Veiga, Henrique Torreiro, Luís Álvarez Pousa ou César Silva son algúns dos convidados a esta homenaxe. “Todos eles herdeiros dunha tradición cineclubista na cidade que durante os sesenta foi representada polos cineclubes Ourense e Miño”, explican dende a organización, adiantando que a esta homenaxe tamén acudirá o director xeral de Cultura da Xunta, Anxo Manuel Lorenzo.

No acto presentaranse tamén as actividades conmemorativas, que se desenvolverán dende o martes 22 de setembro ata o 22 decembro, sen apenas descanso e co ánimo de “festexar medio século de existencia diante das adversidades”. Nesa programación figuran, ao xuízo do Cineclube Padre Feijoo, “as cincuenta mellores películas da historia do cine”. A ocasión servirá ademais para presentar a nova imaxe a do CCPF. O deseño corre a cargo de Leo Sousa, autor igualmente do cartel do “Encontro de cineclubes” e do propio logotipo do 50 aniversario.

Sen esquecer a difícil situación sanitaria pola que estamos atravesando, dende o cineclub rogan “unha atención ás estritas medidas de protección adoptadas fronte ao Covid; con aforo limitado ao 36% do total (só 40 butacas) así como o prego de observar as recomendacións sanitarias”.

Artigos relacionados

Back to top button