DeportesEn portadaÚltima hora

5+1 subidas ao Alto do Boi (Quiroga), novo reto solidario promovido por 4 ciclistas valdeorreses

Esta singular proposta deportiva e benéfica, coa que se busca concienciar sobre a problemática dos incendios, terá lugar o 22 de outubro e estará aberta a quen queira sumarse

Os catro promotores desta iniciativa solidaria./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Tras o devastador incendio de xullo en Valdeorras, catro amigos valdeorreses e compañeiros da Peña Ciclista Valdeorras Bike propoñíanse o pasado 30 de xullo unha singular iniciativa solidaria e deportiva: o Reto 5+1 subidas consecutivas ao Alto de Portela dende Viloira (O Barco). Con ela pretendían darlle visibilidade as consecuencias do lume e crear conciencia sobre esta problemática. E os catro cumprían o reto.

Agora Juan Carlos “Cacaito”, Víctor “Parra”, Antonio “Cholas” e Fernando “Pin” volven xuntarse para nun novo proxecto solidario: o Reto 5+1 do Alto Boi (Quiroga), cun total de 144 km e 4.320 m de desnivel.

 

Os catro ciclistas durante o reto 5+1 subidas ao Alto da Portela, en xullo./ Foto cedida.

 

A principal novidade é que desta volta o reto está aberto a quen queira sumarse para facer unha subida, dous, tres ou as que se queira. Polo de agora teñen confirmada a presenza de dúas figuras de referencia no ciclismo, Iván Raña e Gustavo César Veloso, pero non se descartan novas incorporacións.

A saída do reto, no que se contará coa colaboración do Concello de Quiroga, farase ás 9h. dende o pavillón polideportivo de Quiroga e estímase que concluirá sobr as sete da tarde. “Con esta iniciativa pretendemos darlle visibilidade ás zonas queimadas polos incendios deste verán, para que non se esqueza o que sucedeu e para concienciar a sociedade desta problemática”, explican os promotores. Ademais están dispostos a realizar novos retos deste tipo en zonas devastadas polos incendios, “estamos dispostos a colaborar con quen estea interesado”, engaden.

A esta actividade deportiva tamén lle dan un carácter benéfico ao dedicarlla a “El Motor de tus pasos”, unha asociación que recauda fondos para a investigacion da enfermidade Charcot Marie Tooth.

Artigos relacionados

Back to top button