Comparten amizade, afección pola bicicleta e club, a Peña Valdeorras Bike. Ademais gústanlle os retos. De aí iniciativa de 4 valdeorreses de unirse nunha singular proposta á vez deportiva, solidaria e reivindicativa: subir 5+1 veces consecutivas ao Alto da Portela dende Viloira (O Barco).
“A idea tiñámola dende hai tempo e, agora, tras o incendio decidimos levala a cabo porque pensamos que pode ser unha forma de darlle visibilidade ao desastre que supuxo o incendio, a como quedou esa paisaxe e a plantexar a posibilidade de repoboala, así como para demostrar a nosa solidaridade tras os lumes de Valdeorras e doutras partes de Galicia e facerlle unha homenaxe ás montañas e a toda a superficie que ardeu. Por onde imos pasar había moitas árbores que daban sombra, agora é un páramo”, explican Juan Carlos “Cacaíto”, Víctor “Anfibio”, Antonio “Cholas”, Víctor e Fernando “Pin”.
Esta singular proba entre amigos e non competitiva comezaba na mañá deste sábado 30 de xullo. Saían ás 8h. dende a praza de Viloira, iniciando así un traxecto que pretende sumar ata seis voltas (con 15 km de subida e outros tantos de baixada), o que supón un total de 180 km con 4.500 m de desnivel positivo e outros tantos de negativo. O obxectivo é rematar.
A esta actividade deportiva tamén lle dan un carácter benéfico ao dedicarlla a “El Motor de tus pasos”, unha asociación que recauda fondos para a investigacion da enfermidade Charcot Marie Tooth. De feito, máis adiante, estes catro amigos ciclistas teñen pensado levar a cabo máis iniciativas de apoio a esta entidade.