Non é o seu primeiro reto, de feito leva xa varios ás costas, pero este é especial pola súa vinculación con Valdeorras. Coa idea de afianzar aínda máis os lazos de irmandamento entre as localidades de Almendralejo (Extremadura) e A Rúa, o ciclista almedralejense Pedro Hierro decidía realizar o VI Reto Solidario ‘Quen non arrisca, non vive’, entre eses dous puntos, percorrendo en bicicleta unha distancia aproximada de 650 quilómetros, en tan só dúas etapas.
Para logralo, Pedro estará acompañado por ciclistas do C.C. Bike Extreme, contando ademais con xente de reforzo. Un grupo que chegaba á Rúa na tarde deste venres 4 de abril e, tras xantar na Adega Alán de Val, achegábase ara o Concello onde era recibido por membros da corporación municipal. No salón de Plenos, recibían agasallos tanto por parte do Concello como de dous membros do Club Ciclista Valdeorras.

A idea era facer unha pequena ruta simbólica pola zona e malia dudar pola chuvia que caía minutos antes, finalmente saían, escolatados pola Polcía Local e Protección Civil. Mañá sábado día 5 de abril comezará o reto. Sairán de madrugada cunha primeira etapa que levará á comitiva ata Salamanca. O terceiro día, domingo 6 de abril, será a segunda e derradeira etapa ata Almendralejo.
O obxectivo do reto é “concienciar sobre a importancia da saúde mental e recadar fondos para a Asociación de Ayuda a Familiares y Personas con Problemas de Salud Mental (FEAFES-Almendralejo)”.


Fotos: Mónica G. Bellve e cedidas.
Vídeos: Mónica G. Bellver.



