O director da Área de Cultura da Deputación de Ourense, Marcos Vázquez; o alcalde de Monterrei, José Luis Suárez; e o director da Escola Provincial de Gaitas, Xosé Lois Foxo, presentaron hoxe a XLI Xuntanza Internacional de Gaiteiros, que se celebrará os días 4 e 5 de setembro en distintos escenarios de Flariz, Monterrei e Albarellos.
Esta nova edición, organizada pola Deputación de Ourense e o Concello de Monterrei, estará dedicada á música tradicional húngara e reunirá intérpretes procedentes de Galicia, Hungría, Romanía, Irlanda, Zamora e a República de Mari-El, en Rusia. Concertos, conferencias e actividades de divulgación integran un programa que afonda na dimensión cultural, didáctica e internacional deste encontro declarado de interese turístico de Galicia.
Marcos Vázquez destacou que a Xuntanza “constitúe unha das grandes referencias culturais da provincia e unha mostra do compromiso da Deputación coa conservación, a investigación e a difusión da música tradicional”. O director da área de Cultura da Deputación puxo tamén en valor “a capacidade deste evento para unir territorios e culturas a través dun patrimonio musical común, situando cada ano a Ourense no centro da música de raíz”.
Pola súa banda, o alcalde de Monterrei, José Luis Suárez, subliñou “o orgullo que supón para o municipio acoller unha cita consolidada, que une música, historia e patrimonio en escenarios tan singulares como Flariz e o Castelo de Monterrei”. Neste sentido, agradeceu a colaboración institucional que permite manter e reforzar unha programación “con capacidade para atraer público e proxectar Monterrei dentro e fóra de Galicia”.

Xosé Lois Foxo explicou que a edición deste ano rende homenaxe á música tradicional húngara e á figura do compositor e etnomusicólogo Béla Bartók, pioneiro na recollida e no estudo dos cantos populares, dos gaiteiros e dos zanfonistas das zonas rurais de Hungría e Romanía. O director da Escola Provincial de Gaitas incidiu na vocación da Xuntanza como “unha escola aberta para investigadores, intérpretes e amantes da música tradicional”, capaz de achegar a Ourense instrumentos e expresións musicais pouco coñecidas. Nesta ocasión poderán escoitarse, entre outras, a duda e a zanfona húngaras, o cimpoi romanés, a shüvyr da República de Mari-El e a musette barroca desenvolvida no Palacio de Versalles no século XVII. Lembrou tamén Foxo que a Xuntanza Internacional de Gaiteiros está declarada festa de interese turístico de Galicia. E avanzou que próximamente vanse iniciar os trámites para declarala de interese turístico nacional e internacional.
Tres citas en Flariz, Monterrei e Albarellos
A programación comezará o venres 4 de setembro, ás 19 horas, na praza da Ermida de Flariz, cun concerto presentado por Montse Estévez. Participarán a Banda de Gaitas de Flariz e músicos de Romanía, Rusia, Galicia, Hungría, Zamora e Irlanda.
O sábado 5, ás 11 horas, o Parador do Castelo de Monterrei acollerá un ciclo de conferencias coordinado por Nadia Vázquez. Nel intervirán varios dos artistas convidados e Suso Vaamonde presentará o seu libro Nova técnica de pandeireta galega. A XLI Xuntanza culminará ese mesmo día, ás 19 horas, na capitalidade de Monterrei, Albarellos, cun amplo espectáculo no que tomarán parte intérpretes internacionais e formacións como a Banda de Gaitas Nova Era, Flor da Xesta de Verín, a Banda de Gaitas de Flariz, Trouleiros de Medeiros, o Coro Aires Nosos de Verín, a Banda de Gaitas do Riós e a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, entre outras.
As actividades poderán seguirse tamén por videostreaming a través das canles de YouTube da Deputación de Ourense e de Xosé Lois Foxo. A Xuntanza conta coa colaboración da Xunta de Galicia e de Abanca.