SanidadeÚltima hora

589.875 euros para instalar lámpadas cirúrxicas de última xeración nos quirófanos dos hospitais de Ourense, Valdeorras e Verín

 

Coa instalación neste mércores dos primeiros equipos no Hospital Universitario de Ourense, comeza o proceso de renovación da iluminación dos 26 quirófanos dos hospitais públicos de Ourense, Verín e Valdeorras, grazas a unha iniciativa para a adquisición de novas lámpadas cirúrxicas, na que a Xunta de Galicia inviste en Ourense a maior partida por Áreas Sanitarias: 589.875 euros, o 42% dun orzamento total que ascende a 1.4 millons.

O contrato, que se formalizou o pasado mes de xullo, permitirá renovar 97 quirófanos de toda Galicia, nos 20 quirófanos do Hospital Universitario de Ourense (cun importe de importe 471.900 €); 2 no Hospital Público de Verín (23.596 €); e 4 no de Valdeorras (94.380 €). A empresa adxudicataria, Dräger Medical Hispania S.A., dispón dun período de dous meses de prazo para completar a instalación dos dispositivos, que se distribuirán maioritariamente no mes de setembro, tras a colocación estes días dos cinco primeiros no Hospital Universitario de Ourense.

Con este equipamento os quirófanos públicos adáptanse a tecnoloxía led de última xeración de 160.000 lux, que incorporan un sistema de control de sombra. Deseñados para dar a máxima luz posible, esta é regulable en intensidade e cor en ata doce pasos, ou continua. Contan con dous brazos, para lámpada principal e a satélite, ampliables sen obras de adaptación, sincronizadas e cun control táctil, directamente no mango da lámpada, ou na parede; igualmente dispoñen de 6 eixes de angulación, e permiten un amplo radio de luz e ata 360 graos de rotación.

Ademais, dez dos equipos que se instalarán na nosa área sanitaria integran unha cámara de vídeo, de alta definición wifi, para a retransmisión da imaxe, sen necesidade de cableado ata un aula docente ou sala onde se quera replicar, así como monitores de 31 pulgadas de grao médico.

De cara á súa usabilidade, aporta grandes melloras para aos profesionais, xa que facilita o seu manexo e mellora a confortabilidade do persoal cirúrxico, xa que unha das vantaxes e que non emiten calor -cero graos de incremento da temperatura- tanto no campo cirúrxico, como a centímetros dos cirurxáns.

Ademais, cunha vida útil de máis de 60.000 horas e opción de substitución parcial dos diodos, as novas fontes de luz son de baixo consumo, e posibilitan un aproveitamento máis eficiente da enerxía, na liña da estratexia do Servizo Galego de Saúde de favorecer un uso máis racional do consumo eléctrico e contribuír á sustentabilidade do sistema sanitario.

O subministro destes equipamentos é susceptible de financiamento mediante o programa operativo FEDER-Galicia como parte da resposta da UE á pandemia provocada pola covid-19.

Artigos relacionados

Back to top button