CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

6 mulleres de Valdeorras protagonizan a reportaxe sobre igualdade que o IES Cosme López presentará no Cine Avenida da Rúa

O 25 de marzo ás 20 horas terá lugar a proxección de dous traballos realizados polas alumnas de Coeducación para o Século XXI

Publicidade
Cartel do proxecto.

 

Cristina Gómez, manexadora de bois; Margarita Rodríguez, xerente do Hospital Público Valdeorras; Beatriz Delgado, policía local; Mencía Yano, escritora; Sofi Modebadze, pintora; e Inés Siso, a voz da experiencia. Son as seis mulleres da comarca que protagonizan a reportaxe Elas responden en Valdeorras, onde falan da situación actual da muller no mundo laboral e profesional, desde a perspectiva persoal de cada unha delas.

Esta será a proxección principal do proxecto sobre igualdade realizado polas alumnas de Coeducación para o Século XXI, do IES Cosme López Rodríguez da Rúa, que se proxectará o vindeiro xoves, 25 de marzo, ás 20 horas no Centro Cultural Avenida da Rúa.

A reportaxe irá precedida dunha curtametraxe titulada Igualarte, de 7 minutos de duración, na que estas mesmas alumnas, nunha situación ficticia e cun certo ton cómico, fan un repaso de como foi representada a muller nas distintas obras de arte ao longo dos séculos.

Coeducación para o Século XXI é unha materia optativa de 1º de Bacharelato que “pretende contribuír á educación en igualdade de mulleres e homes, polo que ambos traballon enmárcanse na celebración do día da muller, o 8 de marzo, para o que foron concebidas”, explican dende o centro educativo, incidindo en que foron realizados no curso 2019-2020, “con gran esforzo, dedicación e ilusión por parte das alumnas e do profesorado implicado no proxecto, pero a súa proxección quedou adiada, como moitas otras cousas, debido ás restriccións provocadas pola pandemia”.

Un ano despois a situación sanitaria mellorou considerablemente pero segue habendo restricións como o aforo. Así, a entrada será gratuíta podendo reservar unha localidade no teléfono de atención do Concello da Rúa (643 958 844) a través do WhatsApp, deixando o nome e o número de persoas que desexan asistir.

Artigos relacionados

Back to top button