
A Xunta de Galicia acredita a preto de 8.000 alumnos de 5º e 6º de Primaria e da ESO como guías escolares da eclipse solar, un recoñecemento á formación científica adquirida no marco do programa Polos Creativos e unha iniciativa coa que a Consellería de Educación continúa impulsando a divulgación da ciencia e o espertar das vocacións STEM entre o alumnado.
Os estudantes que superaron o programa Polos eclipsados recibiron un carné acreditativo de guía da eclipse, que os identifica como divulgadores deste fenómeno astronómico entre as súas familias, amizades e comunidade educativa. Ademais, xa contan cunhas gafas homologadas para a observación segura da eclipse, co obxectivo de que poidan exercer como embaixadores da ciencia e promover unha observación responsable do fenómeno.
Para obter esta acreditación, o alumnado participou nun itinerario específico de formación sobre os eclipses solares e completou tres actividades obrigatorias orientadas á comprensión e divulgación da astronomía. A primeira consistiu na superación dun cuestionario de coñecementos despois de recibir formación na aula e de traballar con materiais divulgativos elaborados para esta iniciativa. A segunda foi o deseño e fabricación dunha maqueta explicativa da eclipse mediante impresión 3D nos espazos de Polos Creativos. Finalmente, cada equipo tivo que desenvolver un proxecto de divulgación ou investigación, elixindo entre distintas propostas relacionadas coa observación da eclipse, as constelacións ou a exploración espacial, ou ben formulando un reto propio.
Os centros participantes contaron con recursos didácticos específicos, materiais divulgativos e as instrucións necesarias para desenvolver as distintas probas do programa. Os equipos estiveron integrados por alumnado e profesorado, favorecendo unha metodoloxía colaborativa baseada na experimentación, na resolución de retos e na aprendizaxe práctica.
A acreditación destes 8.000 guías escolares da eclipse enmárcase nas máis de 26 iniciativas impulsadas pola Xunta de Galicia ao longo do pasado curso escolar para achegar a ciencia ás aulas con motivo da eclipse solar. A través deste programa, a Consellería de Educación promove unha aprendizaxe baseada na experimentación, na divulgación científica e no desenvolvemento das vocacións STEM desde idades temperás.
O impulso á cultura científica constitúe unha das prioridades da Xunta de Galicia. Esta aposta reflíctese tamén nos resultados do alumnado galego, que lidera España en competencia científica segundo o informe PISA, con 506 puntos, moi por riba da media española e da OCDE, situada en 485 puntos, situándose entre os sistemas educativos con mellores resultados do mundo nesta materia. Así mesmo, no estudo TIMSS Galicia ocupa a primeira posición estatal en conciencia ambiental, con 533 puntos, 23 máis que a media española, consolidando o seu liderado na formación científica e ambiental do alumnado.
