O entorno do Concello de Sober loce xa unha nova imaxe. Veñen de finalizarse as obras de reforma e urbanización da contorna da Casa Consistorial e da Casa da Cultura. Para o equipo de goberno soberino esta era unha obra “moi necesaria” atendendo ao mal estado no que se atopaban as inmediacións de ambos os edificios públicos que aglutinan a maior parte dos servizos municipais, entre os que está o propio Concello, a Biblioteca, o Xulgado, ou Escola de Música, entre outros.
Esta actuación foi acometida na súa totalidade pola empresa local Construcciones Gilberto. O orzamento deste proxecto ascendía a 50.000 euros, que asumía ao 80% a Consellería de Presidencia da Xunta. A parte restante, correspóndelle pagala ao Concello de Sober.
O obxectivo cesta intervención era a creación dun espazo e un ambiente peonil que favoreza os movementos cotiás entre as distintas dotacións que forman o conxunto (Concello, Centro Sociocultural, Biblioteca, Rexistro Civil, etc). A obra comprendeu un espazo de 547 metros cadrados. Entre as actuacións que se levaron a cabo estivo o cambio do pavimento por adoquín cerámico, segundo se informa desde o Concello de Sober.