Divulgar un pouco máis a figura do poeta Florencio Delgado Gurriarán e a súa poesía para que chegue a un maior número de persoas, é o que pretenden dende o proxecto As Letras de Florencio, por iso idearon unha actividade no marco da Festa das Covas 2018 que se celebra esta tarde a partires das 20:30h. en Vilamartín de Valdeorras.
O eixo deste traballo foi a poesía O Himno ao Viño, sobre o que “creamos o deseño que os nenos e nenas do CEIP Manuel Folla Respino prepararon para participar no concurso que buscaba o cartel desta edición da Festa, e que finalmente foi escollido para decorar parte do tríptico informativo das festas”, explica a directora do proxecto Débora Álvarez.
Ese mesmo poema foi o que o mestre Roi Domínguez acompañado dos cativos do Campamento Vilaverán, colocaron nunhas cuncas estampadas con spray no chan, que serán os sinais que guíen os pasos dos visitantes e que os axudarán a atopar as Covas que forman parte da festa.
Fotos cedidas.