Dende o luns 6 de agosto, estase desenvolvendo na comarca de Valdeorras os Encontros Internacionais de Teatro Paco González, coa actuación de compañías de México Uruguay Chicago e Girona en catro municipios valdeorreses; O Barco, Vilamartín, A Rúa e Petín.
Dende o proxecto As Letras de Florencio quixeron unirse á iniciativa colaborando de maneira especial a través do grupo JCTC Jalil Gibrán de Puebla (México) e unha representación que terá lugar hoxe, 9 de agosto na Aira dos Bolos de Córgomo ás 23:00h. “O grupo de teatro aceptou a nosa proposta de amosarnos a visión que os habitantes mexicanos tiveron dos movementos poboacionais que os galegos e galegas protagonizamos no século pasado”, explica a directora do proxecto Débora Álvarez.
“Gustábanos a idea de coñecer as impresións que o pobo receptor puido ter ao recibir a meirande parte da intelectualidade galega por mor do exilio que a ditadura franquista obrigou”, di Débora, engadindo que con esta proposta “queriamos dalgunha maneira farcernos unha idea de como tería sido a recepción do noso poeta nesas terras”.
Reflexións é o título da obra que amosa a particular visión dos homes e mulleres do Centro Cultural Jalil Gilbrán sobre os migrantes galegos en México. A mesma compañía actuará mañá, na praza José Luis Núñez R. ás 23h. coa obra Este es el juego.