O valor e o aproveitamento turístico dos lagares rupestres en toda Europa será obxecto de análise e debate por parte de diversos expertos internacionais que este sábado, 8 de setembro, se darán cita no Museo Claustro dos Mercedarios, en Verín. Ás sete da tarde, e aberta ó público, celebrarase unha mesa redonda no Salón de Actos onde se debaterá o futuro deste importante vestixio do pasado remoto da cultura do viño europea. Este acto forma parte do programa do II Foro Hispano-Luso de Lagares Rupestres, dirixido polo experto e sumiller Luis Paadín, que se desenvolverá do 7 ao 9 de setembro na comarca de Monterrei.
A mesa redonda abordará “O valor patrimonial, turístico e de identidade dos lagares rupestres”. Intervirán Luís Vicente Elías como presidente da Asociación Lagares Rupestres de España (doutor en antropoloxía), Augusto Sequira como presidente da Asociación en defensa de los Lagares Rupestres de Portugal, Asunción Martínez vicepresidenta (doutora en Arqueoloxía) e Julio Grande secretario xeral (licenciado en Humanidades).
No marco deste encontro tamén se asinará a constitución da Federación Internacional de Lagares Rupestres e presentarase un mapa destes restos arqueolóxicos.