ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

O 13 de xuño e o 5 de agosto, festivos locais na Rúa para o 2019

As datas eran aprobadas no Pleno ordinario celebrado o 5 de novembro

O día de San Antón (xoves 13 de xuño) e o primeiro luns de agosto (día 5) son as datas propostas pola alcaldía da Rúa como festivos locais do 2019. Dous días aprobados por unanimidade no Pleno ordinario celebrado na tarde do 5 de novembro, que comezaba cun minuto de silencio polo falecemento do ex concelleiro rues Francisco Delgado.

Nese pleno tamén se aprobaron tres mocións. A primeira, proposta polo PSOE, xira en torno aos danos ocasionados polo xabarín, especie cinexétiva en aumento, propoñendo á realización “na maior brevidade posible dun censo da poboación do xabarín e súa distribución por comarcas, así como redactar e poñer en marcha de xeito inmediato un plan de xestión desta especie para estabilizar a súa poboación”, entre outras medidas. Cos votos en contra do PP e a falta dun concelleiro do BNG, a moción saíu adiante co voto de calidade do alcalde.

Do mesmo xeito foi aprobado unha das dúas mocións presentadas polo BNG sobre a “necesidade de que exista unha tarifa eléctrica galega”, con propostas entre as que figura a redución do ive.

A outra moción do BNG xirou en torno ao 25 de novembro (Día Internacional contra a Violencia de Xénero), cun carácter máis reivindicativo “polo gravísimo problema que supón”, dixo a concelleira e tenente de alcalde da Rúa Maria G. Albert. Ela mesma explicou que ata este momento son 43 as mulleres asasinadas en toda España (8 en estudo e 24 que non figuran nas estatísticas), incluíndo tamén nenos, polo que entre os puntos propostos na moción destaca a “creación dunha unidade específica sobre este tema”. Esta moción foi aprobada por unanimidade, incluíndo un cuarto punto proposto polo PP, referente á “creación dunha comisión informativa municipal”.

No turno de rogos e preguntas, o voceiro popular Avelino García criticou o retraso na elaboración da conta municipal de 2017. “Finalizados os prazos establecidos, a súa ausencia podería conlevar multas ou perda de subvencións”, dixo. O alcalde socialista, Luis Fernández Gudiña, pola súa banda, afirmou que comparte a preocupación do grupo popular, aludindo unha vez máis ás limitacións de personal que sufre o Concello e asegurando que goberno bipartito intentará “que antes de que acabe o ano, estén liquidadas as de 2017 e 2018”.

O concelleiro popular de Deportes, tamén preguntou ao Pleno polas pedras acumuladas dende hai tempo no campo de fútbol (cubertas xa de herbas), ao que o alcalde respondeu que en breve serán utilizadas polo Obradoiro de Emprego, se non todas, unha boa parte.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button