Poñendo o foco na Idade Media e na historia local, Miguel García-Fernández falaba do papel e importancia das mulleres da comarca das Terras de Trives. Facíao durante a conferencia “Señoras e campesiñas na Idade Media trivesa, unha aproximación á nosa historia”, que impartía na tarde do 8 de marzo, Día da Muller, no Auditorio trivés ante un numeroso público.
Este historiador, natural de Guístolas (San Xoán de Río), foi presentado neste acto pola concelleira de Cultura, Muller e Igualdade de Trives, Isabel González Fandiño. Deseguido, iniciaba unha interesante exposición na que afondaba na contribución das mulleres desta zona durante a Idade Media, do papel apenas coñecido que desempeñaban nesa época na sociedade e da valiosa pegada que deixaron.
Teatro para finalizar os actos do 8M
No marco do Día da Muller, o domingo 10 de marzo ás 18h. no Auditorio Julio Vázquez terá lugar a representación teatral “Loló e mamá”. Esta peza desde o punto de vista educativo e da igualdade, “aborda, cun equipo artístico 100×100 feminino, dilemas da muller que conviven connosco días a día”, din dende o Concello de Trives.
As entradas poderán retirarse no auditorio desde media hora antes da función. Ten un aforo limitado e o prezo é de 3€, matizan dende a organización.
Fotos: Concello da Pobra de Trives.