Un total de 45 alumnos, de diferentes concellos da comarca de Valdeorras, asistiron aos 3 cursos de accións formativas para desempregados (AFD) que o ano pasado a Consellería de Traballo e Benestar outorgou á Asociación de Empresarios de Valdeorras (AEVA) presidida por Javier Rodríguez Paradelo. Os desempregados que participaron nestes cursos formáronse en xestión contable e xestión administrativa para auditoría; xestión integrada en recursos humanos e formación turística local e información ao visitante.
Unha vez concluídos os cursos, na mañá do 16 de abril, o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, achegábase ata O Barco de Valdeorras para facer entrega dos diplomas aos alumnos.
No transcurso do acto, no que tamén estiveron presentes o presidente da asociación de empresarios e o alcalde do Barco, entre outros, Martínez subliñou que “o obxectivo prioritario deste programa é a inserción e reinserción laboral dos traballadores desempregados naqueles sectores estratéxicos que require o sistema produtivo e que requiren as empresas” desexando aos alumnos que o título obtido “sirva para conseguir o traballo que esperades”.
O delegado anunciou asemade que “a Xunta prevé beneficiar este ano con estas accións formativas a máis de 10.000 desempregados”. Unhas axudas que se complementarán con outros programas innovadores dirixidos a colectivos específicos dedicados á formación dos desempregados.