Boa música, poesía, viño, gastronomía, natureza, maxia e ata deporte. Eran algunhas das variadas propostas que incluía na súa programación o SilFest Valdeorras, que se celebraba do 4 ao 6 de xullo na praia fluvial do Malecón (O Barco). A organización vén de facer un balance moi positivo desta cuarta edición que cualifica de éxito e na que cifra a participación en máis de 1.200 persoas.
“O público do SilFest Valdeorras desfrutou de boa música e baiou coas cancións de recoñecidos grupos como Second, Shinova e Amatria, pero tamén cos ritmos de bandas locais como Airline, Vuelta y Media e Azor 91. Durante tres días degustaron os viños da Denominación de Orixe Valdeorras e os produtos gastronómicos da zona, organizáronse recitais de poesía e incluso moitos dos asistentes non dubidaron en poñerse o bañador e probar a auga do río Sil para afrontar as altas temperaturas”, segundo os organizadores do festival.
Consideran tamén que o SilFest tense convertido nun “evento imprescidible do verán” e destacan que é posible “grazas á colaboración de moitas persoas, empresas, entidades e administracións. E grazas aos que nos elixen, ao noso público que sempre nos acompaña”.
Fotos: Carlos G. Hervella.