O recinto deportivo de Oira tivo un broche de ouro para o II Torneo Senior do Circuito Sousas Oira Praia grazas ó triunfo final das parellas, a priori favoritas, con xogadores do Clube Volei Praia Milenio Ourense, tanto en categoría feminina con Nuria Bouza, como en categoría masculina con Juan Escalona.
Na categoría feminina Nuria Bouza e máis Nazaret Florián cumpriron os prognósticos e fixéronse co torneo despois de derrotar na final á parella vasca formada por Nerea Ruiz e Oihane Gutiérrez, cun partido de calidade e de gran emoción que finalmente decidiuse por escaso marxe no marcador (22-20 / 21-19).
En terceiro lugar, clasificouse a parella formada pola xogadora do Sousas Oira Praia, Tea Andric, e a viguesa Lorena Cruz, que impuxéronse á parella do Clube Volei Praia Vigo formada por Luci Paz e Sara Urrea nunha incríble final (2-1) con remontada de cinco puntos no set de desempate ata un 14-16 final.
En categoría masculina a competencia tamén foi dura con partidos moi igualados e de gran calidade que transmitiron paixón á grada do recinto deportivo. A parella formada polo xogador do Sousas Oira Praia, Juan Escalona, e o madrileño Guillermo Gómez, impúxose na final á parella cántabra de Jaime Dehesa e Roberto Rojo por un axustado 2-1 cun 19-17 no set definitivo.
Texto: Carlota Pérez de Juan Burgos