Na tarde do 5 de setembro o artista ourensán Xosé Poldras presentaba na Casa dos Poetas en Celanova O neno preguntaba, unha carpeta de gravados inspirados no evocador poema de Celso Emilio Ferreiro do mesmo nome.
A carpeta consta de catro gravados con matriz de linóleo, estampados sobre papel Michel de 400 gr. cor branco roto de 37 x 25 cm. A linguaxe plástica máis característica do autor “adáptase, nesta obra, á mensaxe do poema, sen chegar a crear imaxes que poidan considerarse ilustracións, máis ben evocacións”, aseguran dende a Fundación Curros Enríquez. Dúas delas oníricas, unha documental, baseándose en fotografías de Celso Emilio neno, e outra pseudodocumntal, a sinxela recreación da praza de Celanova.
O acto contou coa presenza de Luís Ferreiro, presidente da Fundación Celso Emilio e fillo do poeta; Rita Abraldes, profesora de literatura galega; o autor Xosé Poldras; e representantes da Fundación Curros Enríquez. A ambientación musical correu a cargo da soprano Ilduara Perianes acompañada polo pianista Guillermo Sáez Sotelo, que interpretaron, entre outras pezas, a versión do poema musicada por Vicente Asensio.