A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantiña unha xuntanza de traballo o 11 de outubro coa nova directiva e representantes da Federación Galega da Construción, na que salientou a necesidade de implicación das deputacións provinciais no apoio aos concellos no exercicio das súas competencias na xestión dos servizos de abastecemento, saneamento e depuración.
No decurso da reunión intercambiaron impresións sobre o futuro deste sector, que a conselleira cualificou como clave na economía galega pola súa capacidade de xerar actividade e emprego.
Aquí referíronse aos datos do último informe elaborado pola propia Federación Galega da Construción, correspondentes aos meses de xaneiro a agosto, e que reflicten unha contracción na licitación de obra pública, cunha baixada moi acusada das licitacións da administración xeral do Estado en Galicia.
Un descenso que o propio sector atribúe, na súa meirande parte, ás circunstancias políticas excepcionais que se están a vivir, cunha interinidade no Goberno do Estado, que non está a axudar á execución orzamentaria nin á dinamización da contratación de obra pública.
No encontro, celebrado a instancias da propia organización, mostraron o seu interese polo funcionamento e polos obxectivos da creación da sociedade para a xestión do ciclo integral da auga en Galicia, cuxo anteproxecto de Lei inicia a súa tramitación tralo acordo de onte no Consello da Xunta.