Na vindeira fin a Asociación Boca do Monte dos Anguieiros organizará nesta parroquia de Montefurado (Quiroga) a IV Xornada Castañeira. “Chegado o outono e sendo a castaña a protagonista destas datas decidimos hai 4 anos facer unha xornada divulgativa e festiva arredor dela”, explican dende a organización.
Este ano será o día 2 de novembro e o progama concentrarase na tarde do sábado e non en xornada de mañá e tarde como en anos anteriores. “A partir das 17h. faremos unha visita guiada a 3 caniceiras, ou sequeiros como se denominan noutros lugares, para coñecer o proceso de secado das castañas e ver a tipoloxía das que se conservan en Anguieiros -que son características da zona-. Na visita, poderemos comentar e xente maior explicará a súa experiencia”, adiantan os promotores da celebración.
A continuación, o xerente do GDR Ribeira Sacra, Martín Alemparte, impartirá unha charla sobre o potencial da castaña na zona, comentando tamén as posibilidades de emprender neste sector e tamén diversos aspectos relativos ao Xeoparque Mundial Montañas do Courel.
Para as 18:30 h está previsto facer un obradoiro de cabazas de samaín entre os pequenos/as participantes na festa e a partires das 19.30-20.00 h. servirase unha merenda informal e “comezaremos o magosto popular, asaremos castañas nunha fogueira na coñecida praza do “Portaleiro” -na entrada mesmo de Anguieiros-. Amenizará o este magosto festivo o grupo de música tradicional As Macizas Centrais de Trives”, citando á organización.
En caso de chuvia, “pola tarde suspenderemos o magosto popular pois o costume é facelo sempre ao aire libre. A visita ás caniceiras e a charla non se suspende chova ou non”, matizan dende a Asociación Boca do Monte.