O parqué cheo de cubos de plástico e membros dos diferentes clubs secando o chan con mopas son imaxes que se repiten case a diario no Pavillón de Calabagueiros, no Barco de Valdeorras, debido ás goteiras que se filtran da cuberta. No último Pleno, o concelleiro de Deportes Aurentino Alonso, aseguraba que xa están traballando no seu arranxo, pendentes agora de que lles chegue novo material para acabar a obra, pero o certo é que a imaxe que se dá de cara ao exterior é moi negativa, tanto para os equipos que veñen a xogar aquí (de baloncesto, de fútbol sala,…) que teñen que sufrir os seus efectos, como para o público que asiste aos partidos, sobre todo porque levamos máis dunha semana de chuvia constante. Á parte, dos inconvintes para que se desenvolva correctamente o xogo.
Nesta galería de imaxes podemos ver algúns dos momentos do partido de baloncesto disputado na tarde do 10 de novembro entre os equipos séniors do MV Barco e do San Cibrao. Mentres os xogadores xogaban, outros membros do club encargábanse de manter o parqué seco, para evitar posibles accidentes.
Fotos: Carlos G. Hervella