Nesta mañá de xoves 16 de abril realizabánselle test de detección do COVID-19 aos usuarios e ao persoal da residencia da terceira idade de Trives, que depende da Mancomunidade Bibei-Navea, da que forma parte o Concello trivés. Así o vén de confirmar o presidente da mancomunidade, Miguel Sierra. “Agora”, di, “toca esperar aos resultados”, que se coñecerán nuns días.
Polo momento nesta residencia non se ten rexistrado ningún caso de coronavirus. Foi ademais unha das primeiras nas que os seus traballadores de forma voluntaria decidiron adoptar a medida de confinamento para evitar así posibles contaxios por causa do COVID-19.
Hai uns días os Concellos de Trives, Manzaneda e San Xoán de Río facían público un comunicado solicitándolle á Xunta a realización de test nas súas residencias de maiores. Nesta semana fixéronse en Manzaneda e Trives, mentres que San Xoán de Río insiste nesa petición.