A xornada do 25 de abril é unha data especial para a localidade extremeña de Almendralejo, irmanada coa da Rúa dende hai máis dunha década. É o día no que celebran por todo o alto a tradicional Romaría de San Marcos, unha das súas festividades máis destacadas que este ano non se pudo festexar debido á pandemia do coronavirus, polo menos fisicamente.
Na xornada de onte, Almendralejo facía unha paréntese nestes momentos complicados (recentemente producíase un falecemento por Covid-19) para conmemorar, desde casa e alomenos durante un rato un pequeno anaco da súa romaría. Ao longo do día as redes enchéronse das fotografías e vídeos que a xente foi subindo e que formaron unha gran exposición virtual co hashtag #EsteSanMarcosMeQuedoEnCasa.
Tamén dende A Rúa tiveron o seu recordo, amosando a través de imaxes algúns dos momentos máis destacados do irmanamento. “Sen dúbida a visita a Almendralejo da Real Banda de Gaitas de Ourense foi unha data importante para reforzar o vínculo de ambos pobos”, comentan dende o Concelo da Rúa, lembrando que coa súa actuación, “quixeron acompañar a todos os almendralejenses na celebración da súa tan coñecida romaría”. Ademais, na xornada de onte, o alcalde Álvaro Fernández e o concelleiro de Cultura e Deportes José Vicente Solarat (un dos xestores do irmanamento) entraban en directo nun programa especial de Radio Almendralejo. Tamén se lles unía telefonicamente Juan Francisco Sánchez, fillo adoptivo da Rúa.