Por segundo día consecutivo vén de realizarse en diferentes puntos da provincia de Ourense, entre eles O Barco e Valdeorras, o reparto de mascarillas sanitarias “co obxectivo de reforzar e dar cumprimento á medida que entrou en vigor onte coincidindo co inicio da Fase 0 e que establece a obrigatoriedade do uso de máscaras no transporte público”, segundo informa o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso.
A distribución deste material sanitario (un total de 98.000 mascarillas) desenvolveuse nos principais nodos de transporte público, así como nos principais polígonos industriais e empresariais e en áreas de servizo. O operativo na cidade de Ourense levouse a cabo na estación de autobuses, así como nas principais paradas de bus urbano. Tamén se realizou reparto de máscaras nas estacións e paradas de autobuses de municipios como O Carballiño, Allariz, Verín, Xinzo de Limia, O Barco e Celanova e en polígonos como o de San Cibrao das Viñas, o Polígono de Barreiros, o Polígono de Chorente, o Polígono de Pereiro de Aguiar e o Polígono de O Carballiño.
Como no reparto realizado durante o retorno á actividade laboral trala Semana Santa, a distribución contou coa participación da Policía Nacional, da Unidade da Policía Nacional adscrita á Comunidade Autónoma, da Garda Civil e das Policías Locais. Ademais do reparto, os axentes realizaron unha labor informativa, lembrando a obrigatoriedade do uso das máscaras no transporte público e ofrecendo unhas pautas sobre o seu uso seguro.
O subdelegado do Goberno informou que as distribucións do luns e do martes se levaron a cabo “con normalidade, sen aglomeracións nin problemas de orde público, e quixo agradecer a labor realizada polos axentes das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, así como polo persoal propio da Subdelegación que posibilitaron a loxística de reparto”.
Igualmente, Emilio González quixo destacar de novo a responsabilidade que está a amosar a inmensa maioría da sociedade ourensá e volveu apelar á concienciación cidadá e á responsabilidade social neste inicio da desescalada.
Segunda fase de entregas a entidades sociais e asistenciais
Emilio González anunciou, así mesmo, que a Subdelegación do Goberno en Ourense iniciará a partir de mañá unha segunda fase de entregas de máscaras hixiénicas a entidades sociais e asistenciais da provincia.
Con este novo reparto o Goberno quere facilitar o desenvolvemento seguro das súas tarefas, de tipo esencial, contribuíndo así a diminuír a posibilidade de contaxio do COVID-19 entre os seus traballadores, voluntarios e usuarios.
Na galería de fotos desta noticia poden verse imaxes de reparto no Barco (da autoría de Carlos G. Hervella), así como noutros puntos da provincia de Ourense (cedidas).