Antonio di Lelio, Eduardo Pelayo e Rodrigo Guerrero rematan hoxe, 15 de agosto, un recorrido en bicicleta por todo o territorio español ao que denominaron “Camiño do Viño”. Os ciclistas iniciaron a súa Viaxe en Vilafranca do Penedés (Barcelona) e, durante os 1.200 km de traxecto, visitaron 14 denominacións de orixe poñendo en valor a importancia cultural, gastronómica e histórica que ten o viño en España.
Os amigos, que remataron a viaxe en Vigo, foron recibidos onte polo presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, Juan Manuel Casares Gándara, ao seu paso pola comarca. O presidente quíxolles amosar que esta denominación de orixe tamén ten o seu propio “Camiño do Viño”, unha iniciativa que busca promocionar os recursos do territorio empregando este produto como fío condutor para dinamizar o patrimonio inmaterial e material de Ourense e de toda Galicia.
O “Camiño do Viño” dos tres ciclistas non só ten unha finalidade enoturística e deportiva, tamén é un reto de recaudación de fondos para a fundación FundAME, unha organización que loita contra a Atrofia Muscular Espinal.