Segundo vén de confirmar o Concello de Trives, a través dun comunicado nas redes sociais, descenden a 7 o total de casos activos de coronavirus rexistrados na área do PAC de Trives, que chegou a ter ata 15 positivos o 3 de novembro.
“Tras as altas dadas nas últimas horas, vimos de ter un descenso no número de contaxios no noso municipio de tal xeito que o número de persoas que aínda non recibiron a alta son 5 en Trives. O total no PAC é de 7 persoas contaxiadas a día de hoxe”, aseguran dende o Concello da Pobra de Trives.
Así mesmo, dende esta administración local inciden na “importancia de manter as medidas de seguridade e de cumprir a normativa actual, pois, deste xeito minimizamos o risco”.