Malia a situación sanitaria actual, no Concello da Rúa non esquecen a importancia de continuar fomentando a igualdade e a erradicación da violencia contra a muller. Por iso de cara ao 25N, achegan dúas propostas.
Por unha banda porá á disposición de todos os cativoss o libro de Os Bolechas “No Concello da Rúa somos iguais”, xunto cun caderno de actividades. A finalidade destas guías é “pór en valor, dun xeito ameno e divertido, a igualdade, o respecto e a convivencia”, avanzan dende o Concello. Así, traballarán en familia a autoestima e a sensibilización ante situacións de discriminación cotiás e terán presente esta mensaxe desde os primeiros anos.
O propio día da conmemoración, ante a imposibilidade de levar a cabo concentracións neste contexto de crise sanitaria, o Concello únese á convocatoria da Delegación do Goberno para “levar a cabo un minuto de silencio polas vítimas de violencia de xénero en España e visibilizar o noso compromiso e apoio”.