As portas, esas portas de cores desgastadas polo tempo, pechadas, gardan tras de sí aquelas noites de invernía e polvoriño que se colaba por entre as tellas e caía mesmo sobre as camas. Noites frías nas que arredor da lareira se contaban contos ou se escribía unha carta a luz do candil para os fillos, os irmáns, os maridos emigrados.
Gardan as noites calurosas de verán nas que esgotados polos traballos de sol a sol, se intentaba descansar cas ventás abertas para acadar un chisco de fresco mentras se repasaban as tarefas do día seguinte. Esas portas gardan o amor, o agarimo do fogar, os soños que se traballan e os que simplemente se soñan, as risas, os choros, mesmo as mortes, os velorios eternos con chocolate e pan entre historias de ánimas e aparecidos.
Tamén son unha fronteira para os amigos do alleo, para os ventos fortes que todo o barren, para os oubeos dos lobos nas noites das serras; tódolos medos fican fora, do outro lado delas. Aínda que cos anos luzan febles polas feridas do tempo, o seu poder é tal que atesouran os silencio e as despedidas e cando se pechan para sempre convértense nas guardianas dos recordos.
Pero esas portas tamén se abren, ai eso sí que é outra cousa…son uns brazos abertos que abrazan e acollen ó calor das familias, os olores de cada casa, a hospitalidade entendida de mil maneiras. Son a entrada á volta do coñecido ou do novo por descubrir co pé dereito, son a ponte entre o de fora e o mundo interior dos fogares que nos conducen a mesas de festa, a visitas improvisadas, a charlas a media tarde, a cafés, a discusións, a colchas multicolores nas camas, a noivas vestíndose, a nenos tomando o baño en barreños de zinc, a abuelos que zurcen incansables as súas derradeiras puntadas.
A esas portas vellas unhas, con candados e pechaduras enferruxadas polos anos, outras novas, lustrosas, pero que perderon algo de encanto, en Acevedo (Chandrexa de Queixa) polo Nadal rendímoslle unha homenaxe e adornámolas con ramas frescas de pino e acevro que da nome a nosa toponimia e dos que posuímos fermosos exemplares. Homenaxeámolas porque sabemos que a súa vida vai á par que a nosa e que cecais algún día todas permanezan pechadas para sempre e garden como outros, os recordos dos días de Nadal.
Texto e fotos: Raquel Pérez Diéguez.