Para a derradeira fin de semana de 2024 o Concello de Quiroga organizou unha Feira de Nadal. A praza España foi o lugar escollido para instalar unha gran carpa que acolle hoxe e mañá os 13 postos que representan ao comercio local e ao sector da artesanía, actividades infantís, obradoiros e animación musical, coa finalidade de dinamizar o comercio local e incentivar o sector da artesanía.
Ás doce do mediodía deste sábado 28 de decembro o vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, acompañado do equipo de goberno local era o encargado de inaugurar o recinto feiral e a xornada que contaba coa visita do Apalpador (Anxo Moure) recén chegado das montañas do Courel acompañado do seu burriño para animar a veciñanza, pero sobre todo, aos máis cativos que cantaron e brincaron o ritmo dos contos e historias deste entrañable personaxe.
Os postos presentes no Mercado do Comercio Local e Artesanía son: Nadira (roupa, calzado e mercería), Etna (roupa, calzado e complementos), Xobel (roupa, bolsos e bixutería), Libraría Celia (libros e xogos educativos e de mesa), Adega EDV (viño e licores), Aruba (cafés e doces), Eryn (cremas e aceites), Aramel (mel da serra do Courel), Silvia (filloas), Caurelor (marmeladas, castañas ao baleiro e mel), Riomao Estudio Creativo (artesanía da Ribeira Sacra especialista en bixutería, decoración, chaveiros, colgantes…), Trapalladas Artesanía (bixutería en prata e coiro), Armaior (utensilios de cociña e decoración en madeira de oliveira).
Para fomentar o interese polos oficios e pola artesanía vanse realizar obradoiros gratuítos para a cativada, actividades creativas que ademais de ofrecer un espazo de lecer poden atraer a este mundo futuros profesionais. Hoxe celeboruse un de Decoración de Pintura en Madeira para Nadal a cargo de Riomao Estudio Creativo; e mañá haberá un de elaboración de Pulseiras de Coiro Personalizadas a cargo de Trapalladas Artesanía, de 11 a 13h.
E como non podía faltar a música, mañá domingo día 29 a partir das 12 horas a charanga tradicional BENOFÁN será a encargada de poñer animación musical a comerciantes e clientes. Pola mañá actuarán de 12 a 13h. e pola tarde de 16:30 a 18h.
Esta 1ª edición da Feira de Nadal, Mercado do Comercio local e Artesanía, na que colabora activamente a Asociación de Empresarios e Comerciantes do Xeoparque Montañas do Courel, está cofinanciada polo Centrad (Centro de Artesanía e Deseño) da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, área que achega 5.000 euros.
Fotos e vídeos: O SIL.