Despois da nova do aprazamento da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial, dende os Concellos de San Xoán de Río e A Pobra de Trives, pertencentes a ese territorio, vén de emitirse un comunicado conxunto no que expresan o seu agradecemento “a todas as persoas que traballaron e se involucraron neste apaixoante proxecto. A Ribeira Sacra conseguíu ser un referente a nivel nacional e internacional, cristalizaron moitas ilusións que fai anos serían impensables. Os nosos veciños e veciñas son os protagonistas deste lugar máxico que é a nosa Terra e que debemos descubrir ao mundo. Se Río e Trives, que somos Ribeira Sacra, non estivemos dende o comezo nesta candidatura foi pola deixadez e a falta de xestión dos anteriores gobernantes que non se sumaron dende o principio ó lugar onde nos corresponde estar”.
Ambos Concellos lembran que o ano 2019 solicitaron entrar “tanto no Consorcio de Turismo coma no Xeodestino da Ribeira Sacra. Agardamos impacientemente para que este ano, unha vez proclamado o Patrimonio de Humanidade pasaran ambas cousas, mais agora, chegou o momento, con esta pausa, na que debemos sumar neste proxecto e reforzar a Candidatura da Ribeira Sacra de cara á súa presentación oficial, xa que para a solicitude e o proxecto incluiron bens patrimoniais dos nosos dous concellos”.
Neste senso, os Concellos de San Xoán de Río e da Pobra de Trives solicitan á Xunta de Galicia a suá inclusión no Xeodestino Ribeira Sacra, así como a inclusión na candidatura a Patrimonio da Humanidade e “reiteramos ao Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra a inclusión de ambos concellos”. Tamén adiantan que “dedicaremos todos os nosos esforzos a reforzar esta candidatura para que por fin en 2023 ou 2024 a nosa zona, a Ribeira Sacra, sexa declarada Patrimonio da Humanidade”.