Alá polo mes de novembro de 2020 comezaba a Liga Galega Máster de Natación. Unha competición que premia a regularidade e que remataba en maio coa quinta e última xornada na que o CN Escualos de Ourense, se proclamaba subcampión.
O título de liga era para o Club Natación Ponteareas estando a segunda praza moi reñida entre varios clubs (CN Liceo, CN Rías Baixas e CN Escualos), aínda que finalmente era para o ourensán. Un club que malia todas as dificultades desta tempada foi quen de perseverar nos adestramentos e lograr, grazas tamén ao bo facer do adestrador, Hugo Nogueira, “este gran resultado, moito máis valioso se cabe tendo en conta o elevado numero de clubs participantes (23)”, aseguran os Escualos.
A seguinte cita será a vindeira fin de semana, no peche da tempada de piscina, co Campionato Galego Máster de Verán no que participarán con grandes expectativas tanto a nivel individual como por equipos.
Fotos: CN Escualos.