A cita de referencia coa vangarda e a innovación escénica de Galicia, a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia inaugúrase esta tarde cun dos pratos fortes internacionais do seu programa: Billy’s Violence, o esperado espectáculo do mestre belga Jan Lauwers e a súa aclamada Needcompany, unha particular reflexión sobre a violencia na obra de Shakespeare a partir dunha investigación sobre as súas traxedias. A 37ªedición da MIT acollerá tamén, na súa primeira fin de semana, as seguintes funcións: Hippos, de Zum Zum Teatro (venres 16); Los que hablan, de Teatro del Barrio (sábado 17); Othello, de Voadora (sábado 17); Coreografías selváticas, de Adriana Reyes (domingo 18); e The Mountain, de Agrupación Señor Serrano (domingo 18).
A MIT de Ribadavia recupera neste 2021 a súa proxección internacional cunha programación na que figuran mestres da escena mundial, como Christos Papadopoulos ou o citado Jan Lauwers; destacadas compañías do panorama estatal, como Voadora, Cía. Manolo Alcántara, Agrupación Señor Serrano ou Atalaya; espectáculos que tiveron unha grande acollida por parte da crítica nesta tempada, como Los que hablan, de Teatro del Barrio, ou Querido capricho, do Centro Dramático Nacional; ademais das creacións máis sorprendentes e singulares de artistas emerxentes de teatro e danza de Galicia.
Baixo o lema A arte marca a diferenza, o festival escénico galego retoma este mes de xullo a súa habitual cita nocturna co público nunha edición que inclúe tres propostas escénicas baseadas na obra de William Shakespeare, todas elas atravesadas por cuestións coma o feminismo, a posverdade e a manipulación, que serán eixes temáticos desta edición. Deste xeito, os asistentes á MIT poderán gozar, ademais da mencionada Billy’s Violence, de Othello, da compañía de vangarda Voadora (17 de xullo), espectáculo estreado en castelán no Teatro de La Abadía e que agora estrean en galego con María Vázquez no papel de Desdémona; e Rey Lear, do Premio Nacional de Teatro 2008 Atalaya (19 de xullo), unha montaxe de precisión vocal e forte impacto visual que conta con seis Premios Lorca do teatro andaluz no seu haber.
Outro dos momentos máis especiais desta edición da MIT chegará o venres 23 de xullo, na única cita que o coreógrafo Christos Papadopoulos ten na súa axenda española para este verán. A estrela grega da danza contemporánea visitará por primeira vez Galicia para presentar, en Ribadavia, a primeira creación coa que recibiu unha grande acollida tanto por parte do público como da crítica: Elvedon, unha peza baseada na novela Las Ondas, de Virginia Woolf. O espectáculo, que ten como fío conductor o paso do tiempo, e que xirou por teatros de toda Europa, poderase ver por primeira vez en España nesta 37ª MIT.
Entre as propostas da programación desta 37ª MIT destaca a participación do artesán escénico Manolo Alcántara, que porá o broche dourado ao certame o 25 de xullo coa súa creación de teatro físico Dejà vu, na que destaca a súa espectacular escenografía; ou Agrupación Señor Serrano, colectivo experto en novas dramaturxias, que regresa á MIT para indagar sobre a verdade ou a mentira a través de The Mountain. Outra das pezas máis aclamadas da escena estatal dos últimos meses e que conta con Malena Alterio e Luis Bermejo como protagonistas tamén estará en Ribadavia: Los que hablan, de Teatro del Barrio, asinada polo dramaturgo Pablo Rosal. Nesta liña, a MIT tamén ofrecerá Querido capricho, unha produción do CDN e Malala Producciones, con Tomás Pozzi.
O público pode adquirir as entradas dos espectáculos na web http://www.ataquilla.com ou na propia oficina do festival, na entrada da praza Maior de Ribadavia.