O 1 de abril deste 2021, Luis Nogueira perdía a batalla contra a enfermidade coa que levaba tempo loitando deixando conmocionada a toda a Valdeorras. Deportista de elite, sanitario, amante da natureza, da súa terra (San Vicente de Leira, Vilamartín), da fotografía e do cine deixaba un gran valeiro na súa familia pero tamén en toda a sociedade valdeorresa que o coñecía e apreciaba.
Case cinco meses despois, era o Cine Club Groucho Marx (do que era socio e sobre todo amigo) o primeiro en rendirlle unha homenaxe póstuma, aínda que de seguro non será a única. Asi, na tarde deste venres 27 de agosto, Luís Nogueira era protagonista da inauguración da 30 edición da Semana do Cine do Barco.
Nunha sala de cine con aforo reducido polas medidas sanitarias anticovid, e coa voz en off do presidente do Cine Club José María Rodríguez, o acto comezaba coa estrea da nova curtametraxe de Xacio Baño, Augas Avisais, pero nada máis pasar os títulos de crédito, o escenario e a sala enteira foron de Luís. Cos seus amigos e familiares como público de excepción, era Sabela quen rompía o silencio tocando ao piano un dos seus temas favoritos, o último da banda sonora de Forrest Gump. Sito tampouco faltou á cita interpretando o tema As pequenas cousas de Joan Manuel Serrat, outro dos temas favoritos do homenaxeado.
Non podía ser doutro xeito e no acto tampouco faltou a parte audiovisual cunha fermosa montaxe de imaxes, vídeos e música realizada por Anxo Santomil. Con tantas facetas como tiña Luís, o vídeo comezaba coa súa afección polo cinema, con imaxes de fondo mentres Pilar lia unha carta escrita do puño e letra pola compañeira de Luís, Moncha Iglesias, sobre os seus gustos cinéfilos, destacando o cine de autor e comprometido e actores como Ricardo Darín e Emma Suárez. “A súa relación co cine foi intensa e para sempre”, remataba. Tampouco os amigos faltaban na proxección con citas especialmente adicadas a Luís; nin as innumerables historias e anécdotas que el mesmo contaba cando ía de ruta; nin por suposto a súa faceta como lanzador de xavelina, colleitando innumerables trofeos a nivel nacional e internacional.
Finalmente, ao ritmo de Carros de Fuego, o propio José María facía acto de presenza para proceder, acompañado por Moncha, ao descubrimento da placa na “Butaca de Honra de Luís Nogueira”, cuxo nome e recordo quedará para sempre vinculado á sala. E alí, diante da butaca e sen poder conter as bágoas, a compañeira de Luís agradecía o acto, recoñecendo que fóra “inesperado” e que “se el poidera definilo faríao coas palabras que máis lle gustaban: marabilloso e fantástico”, dixo, convidando á xente a ir ao cine.
A Semana de Cine estenderase ata o 6 de setembro e incluirá cinco filmes infantís e dez para adultos. Máis información no seguinte enlace: https://osil.info/a-xxx-semana-de-cine-do-barco-rendira-homenaxe-a-luis-nogueira-socio-e-amigo-do-cine-club-groucho-marx/
Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.