
Chegaba ao Barco en 1963 como sacerdote, pero na súa estadía ao longo de 17 anos nesta vila valdeorresa, Baldomero García Fernández (San Miguel de las Dueñas, León, 1930-2016) convertíase nun dinamizador da súa vida social e cultural. Así, ademais de exercer como párroco promovía en 1963 a construción do complexo parroquial de Santa Rita e fundaba en 1978 o Instituto de Estudios Valdeorreses (IEV), entre outras iniciativas. “Concebino como un instituto con todas as consecuencias, dedicado a estudar non só a comarca, senón tamén a pequena historia de cada pobo, que ten a súa importancia. A miña intención era crear un vehículo da historia valdeorresa e creo que deu os seus froitos”, contaba nunha entrevista concedida hai quince anos ao Periódico O SIL.

Era ademais “Membro de Mérito” do IEV e “Valdeorrés Ilustre”, distinción que recibía en setembro de 2001 nun acto no que dedicaba o seu discurso ao dramaturgo barquense Lauro Olmo. Era precisamente o presidente do IEV, Aurelio Blanco, quen facía público o seu falecemento e anunciaba que esta entidade lle renderá unha homenaxe pública.



