Coincidindo co primeiro aniversario da posta en marcha do novo Laboratorio Central de Ourense, os responsables dos servizos de análises clínicas dos grandes hospitais galegos, visitaron hoxe o de Ourense para coñecelo da man da xefa de servizo, Delfina Suarez, que participou activamente no deseño e posta en marcha do seu sistema de automatización intelixente, único na nosa comunidade.
O novo sistema de automatización intelixente, respondeu no seu primeiro ano de funcionamento moi por riba das expectativas: Oito millóns de analíticas ou determinacións procesadas, o 75% programadas, 6 millóns, e o 25% urxentes.
Ademais do volume de actividade asumida, a xestión das mostras foi moito máis eficiente do previsto, conseguíndose reducir os tempos de procesamento á metade no caso das analíticas de pacientes hospitalizados (a previsión era do 30%), dispoñibles agora en 90 minutos, e ata nun 25% as urxentes (previsión do 20%) que agora acadan unha media de tempo de resposta por debaixo dunha hora. As de primaria tamén superan as súas expectativas e están dispoñibles en 24 horas na historia clínica do paciente. (un 25% menos de tempo).
Ademais do novo equipamento, esto foi posible grazas ao importante e laborioso traballo previo, de estudio da demanda e necesidades dos laboratorios da nosa Área Sanitaria, realizado polo persoal do servizo de Ánalises Clínicas, dos tres hospitais públicos, nos que tamén se integrou á Atención Primaria, e contou coa colaboración de profesionais de toda a área sanitaria: de recursos económicos, informática, compras, dirección médica e loxística, xunto coas empresas de diagnóstico.
É un sistema plenamente informatizado e integrado, cun “posto de mando” que permite ver, en tempo real, o que se está a analizar nos tres laboratorios, ademáis de realizar electrónicamente a petición dunha analítica e “volcar” o resultado directamente na historia clínica, que pode consultar calquera médico desde calquera centro e dispoñible para o propio paciente.
Máis que un robot de 12.800 tests por hora
Gran parte do sistema funciona como unha “autopista” á que se incorporan as mostras, con viais rápidos para as urxencias, aplicando o criterio de intelixencia artificial, que permite “aprender” cando aumenta a demanda, e estudar esta, propoñendo como reducir os tempos de resposta asumindo máis actividade.
Co de Ourense culminou a renovación dos laboratorios da nosa Área, tras a reforma e mellora en 2020 do laboratorio do Hospital Público de Verín e, un ano antes do de Valdeorras.
O novo Laboratorio Central situase na planta soto do Edificio Cristal, nunha superficie de 1.500 metros cadrados, totalmente reformados, moi próximo a urxencias e ben comunicado co conxunto de servizos, deseñado para maximizar o confort das instalacións, con climatización silenciosa, eliminación do ruído ambiente e puntos de luz de baixo consumo.
Estruturado por áreas funcionais de recepción preanalítica -con clasificadores automáticos capaces de rexistrar ata 1.200 mostras por hora- bioquímica, inmunoquímica e seroloxía. Estas tres últimas áreas están integradas nun sistema de automatización intelixente que recibe as mostras, as redirixe cara os analizadores e as almacena en ata 70 destinos de clasificación. Ou o que é o mesmo 12.800 tests por hora no núcleo analítico con maior volumen de mostras, bioquímica e inmunoquímica.
Todo elo non sería posible sen os e as 60 profesionais que traballan no laboratorio e está acreditado para a formación de especialistas, está estruturado e distribuido tamén por áreas funcionais, con áreas específicas para a abordaxe dos procesos de laboratorio relacionados coa reprodución asistida, a autoinmunidade ou as alerxias.
A súa posta en marcha supón a culminación do proceso de modernización dos sistemas de laboratorio do conxunto da Área Sanitaria pero tamén de coordinación dos procesos analíticos dos centros de atención primaria e hospitalaria, que se completará definitivamente co plan director do Hospital Universitario de Ourense, agora en marcha.