Cun acto celebrado no Pazo do Castro (O Barco) poñíase en marcha na noitiña de onte, venres 5 de maio, a “Primavera das Portas Abertas da Ruta do Viño de Valdeorras” con ata 15 actividades diferentes que vinculan a vitivinicultura con outros recursos de referencia da comarca como o patrimonio, a natureza, a historia, a etnografía ou mesmo o sector da lousa.
“O obxectivo é poñer en valor a comarca, non só co viño que é o noso activo principal co enoturismo, pero tamén co patrimonio, coa paisaxe e, sobre todo, coas covas, que é o elemento diferenciador que temos na D.O. Valdeorras”, explica o presidente da Ruta do Viño de Valdeorras, que tamén expresaba na inauguración destas xornadas a “necesidade de unir o enoturismo co turismo, dun Consorcio Turístico porque é a outra pata que nos falta para darlle valor. Temos o exemplo aquí ao lado, na Ribeira Sacra, que no 2005 empezou a funcionar e hoxe é un destino turístico e nós estamos aí, pero aínda non somos ese destino turístico”.
Nesta ruta haberá autobuses procedentes de cinco cidades diferentes que están todos completos, o mesmo que as actividades, “todas completas e as dos asociados tamén”, polo que dende a organización valórase de maneira moi positiva á resposta a esta iniciativa.
O acto inaugural concluía cunha degustación de viños de adegas asociadas, amenizada pola actuación de Sito.
Fotos: Carlos G. Hervella.