Esta fin de semana A Pobra de Trives será o punto de reunión dos médicos galegos por dous motivos ben diferentes pero estreitamente relacionados. O xefe de Neumoloxía do hospital La Princesa de Madrid, Julio Ancochea, recibirá o sábado o título de fillo predilecto da vila e, un par de horas máis tarde, a Asociación de Médicos Galegos (Asomega), que preside o propio Ancochea, celebrará o seu Encontro de Verán coincidindo con este acto solemne. Realizarase así unha dobre homenaxe a un profesional cunha gran vinculación con esta terra, destacando a súa implicación cos veciños e veciñas durante a pandemia.
O acto de designación de Ancochea como fillo predilecto (o sábado, día 5 de agosto), comezará ás 12 horas e levarase a cabo no Auditorio Julio Vázquez, con capacidade suficiente para acoller a amizades, colegas, familiares, veciños e veciñas de Trives que queiran asistir. Para as 13 horas está previsto un encontro cun viño e petiscos.
O xantar, que xa formará parte da axenda do encontro de verán de Asomega, comezará ás 14:30 horas e terá lugar no Restaurante La Viuda, de Trives, localidade que volve a acoller esta cita despois de 7 anos. Tal e como confirmaron dende Asomega, preto dun cento de médicos xa confirmaron a súa asistencia. Está previsto que ao finalizar a comida, Ancochea entregue aos representantes da Asociación Esclerose Múltiple do Morrazo un cheque cos fondos reunidos na II Feira da Saúde celebrada en Madrid no mes de abril.