A corporación provincial de Ourense celebrou esta mañá unha sesión extraordinaria, a primeira logo do pleno de constitución do pasado 17 de xullo, para aprobar as propostas correspondentes á periodicidade e datas dos plenos e órganos colexiados, ademais das súas competencias, representacións noutras institucións e entidades, o réxime retributivo das deputadas e deputados e maila relación de persoal eventual para o mandato recen iniciado.
Entre os asistentes a esta primeira sesión estaban Luís Menor Pérez (Presidente Deputación); Rosendo Fernández (Vicepresidente 1º); Cesar Fernández Gil (Vicepresidente 2º); Placido Álvarez Dobaño (Vicepresidente 3º); Jorge Pumar Tesouro (Deputado PPOU); José Miguel Pérez Blecua (Deputado PPOU e alcalde de San Xoán de Río); Marta Nóvoa Iglesia (Deputada PPOU); Manuel Seoane Rodríguez (Deputado PPOU); Patricia Torres Madureira (Deputado PPOU); María del Carmen González Quintela (Deputada PPOU e alcaldesa de Carballeda de Valdeorras); José María Lago Cabo (Deputado PPOU); María Teresa Barge Bello (Deputada PPOU); Elvira Lama Fernández (Deputado PSOE); Diego Fernández Nogueira (Deputado PSOE); Susana Rodríguez Estévez (Deputado PSOE); Marina Vaz Quintillán (Deputada PSOE); Álvaro Vila Araujo (Deputado PSOE); Aurentino Alonso Araujo (Deputado PSOE e concelleiro de Deportes do Barco de Valdeorras); Armando Ojea Bouzo (Deputado DO); Gonzalo Pérez Jácome (Deputado DO e alcalde de Ourense); Rafael Martínez Cachafeiro (Deputado DO); Bernardo Varela López (Deputado BNG), Xosé Manuel Puga González (Deputado BNG), María José Mangana Guede (Deputada BNG), Mónica Legaspi (Interventora Deputación Ourense) e Juan Marquina (Secretario Deputación Ourense).
Con respecto á celebración dos plenos, as sesións ordinarias terán periodicidade mensual, celebrándose o último venres de cada mes a partir das 10.00 horas. No caso de coincidir en festivo ou de non celebrarse por calquera outra causa, a convocatoria pasaría ao luns seguinte ou o primeiro día hábil posterior.
O Pleno poderá modificar a data das sesións ordinarias tralo informe da Xunta de Portavoces, mentres que a Presidencia poderá suspender a convocatoria e celebración do pleno ordinario de agosto debido ao período de vacacións, sen prexuízo da convocatoria de sesións extraordinarias segundo establece a lei.
No mandato 2023-2027, a Deputación de Ourense terá as seguintes comisión informativas:
- Administración provincial, Transparencia e Emerxencias
- Especial de Contas, Facenda e Recursos Humanos
- Cooperación, Infraestruturas e Medio Rural
- Políticas Sociais
- Turismo,Termalismo e Medio Ambiente
- Cultura, Educación, Deportes e Mocidade
Cada comisión estará integrada por catorce membros, distribuídos do seguinte modo: 6 representantes do PP; 4 do PSOE; 2 do BNG; e outros 2 de Democracia Ourensana. O presidente nato de todas elas será o presidente da Deputación, que poderá delegar esta representación. De ser así, nomearase outro representante do grupo popular. Cada grupo político designará aos seus membros en cada comisión.